A miúdo atopámonos con situacións nas que o rumbo da nosa vida, a profundidade do noso pensamento ou unha opinión acerca dunha determinada teoría vén determinada de maneira decisiva pola presenza doutra mente calenturienta e, en ocasións, perturbadora, que mudará de maneira significativa o punto de vista acerca dun determinado concepto. Desta maneira, estamos sometidos inconscientemente e en todo momento a unha serie de reaccións provocadas polo pensamento e a influencia da mente contigua, por suposto, independentemente da profundidade da nosa personalidade.
Insistencia, persistencia, perseverancia... son conceptos que calan na nosa mente dando lugar a un ciclo que comeza no proceso citado, e que nunca remata, pois somos constantemente bombardeados por un cúmulo de opinións que perturban o noso pensamento, podendo chegar a destruí-las nosas ideas, e incluso, ilusións. É aquí onde aparecen figuras determinantes para a resolución deste tipo de conflitos, as cales me gustaría, non crititcar, pero si dar unha opinión bastante subxectiva, debido a que se trata do meu punto de vista, pero baseada en feitos obxectivos. Desta maneira, o profesor será unha figura persistente, catalogadora (isto só no peor dos casos, o que non quere dicir que non sexa posible) ou catalizadora das nosas reflexións, influente e subxectiva. A miúdo sentímonos oprimidos, obrigados e indiferentes; marcados por un número, nin sequera por unha apariencia; o resultado dunha serie de operacións matemáticas determinadas polo que comezou sendo un medio e acabou sendo o sistema; unha suma que nin avalía a calidade das nosas ideas, probablemente polo medo a expresalas e que dará lugar a un cociente temido e odiosamente perfecto, o que marcará de maneira noxenta as nosas probabilidades de supervivencia de cara a "ese novo mundo" que acecha ó outro lado do umbral. (Gustaríame resaltar isto). No máis terrible dos casos, o resultado desencadearía nunha frustración irreversible, pois xa non habería nin número, nin apariencia, sendo inxustamente catalogados por un sistema que prohíbe a pena de morte, pero no que a humillación está á orde do día.
E agora, que? Agora é o momento preciso para falar da outra figura, anhelada por todos aqueles que nos sentamos día tras día cara ó noso futuro. Así, reivindico a necesidade dun personaxe brillante, aparentemente extravagante, capaz de ampliar o noso pensamento por medio da ósmose (como ben dixo Inés), aprendendo constantemente empregando a mínima enerxía, sen perturbalo; capaz de utilizar un medio, pero non un fin (o exame, por se non se entende), capaz de opinar, pero non de humillar nin xulgar, e sobre todo, capaz de actuar como persoa de diante de "personiñas".
Helena me encantan tus entradas! :)
ResponderEliminarNoraboa pola túa valente e pedagóxica reflexión.
ResponderEliminar