martes, 1 de mayo de 2012

CHOVE PERO NON MOLLA.

E un día máis, sentada na mesa do meu escritorio observo o pequeno mundo que dende aquí aprecio. Chove. Concéntrome nunha pequena pinga de auga ata que morre ao chocar coa parte baixa da ventá, e así sucesivas veces.
-Helena, estás ocupada? 
-Estou estudando, mamá.- Estudando o percorrido de cada gota, que se pega contra a ventá, deslízase e sen máis expectación ca uns ollos perdidos, finalmente morre. O por que? Poderiamos facer unha análise baseada en métodos físicos e químicos e finalmente chegar á conclusión da morte desa pequena pinga no mesmo lugar no que desaparece, xa sexa pola dirección do vento, a forza da chuvia... Por outro lado, o máis produtivo sería centrarse en intentar atopar o porqué do problema de Física que teño agora mesmo de diante, pero a miña fixación, que acompaña cada pinga dende o principio ata o seu fin, impídeme concentrarme.

Quizais sexa só unha perda de tempo máis, eses trinta minutos perdidos nesas dúas horas que tentas que algo se quede na cabeza, mentres intentas manter o cú tranquilo na cadeira, o boli bic azul bailoteando na man e milleiros de pensamentos que pouco teñen que ver co cúmulo de letras do libro, pero si coa miña pequena pinga. Un pouco de música non estaría mal. 
Quizais nuns deses trinta minutos perdidos se atope o instante no se que ordenen as cousas na miña cabeza, quizais a reflexión dunha simple gota que chega á miña ventá e coa mesma, marcha, quizais a letra da canción de U2 que estou a escoitar ou o pequeno ruído da culleriña do café ao que a miña nai lle dá voltas... O que está claro é que ningunha persoa ten escollido o seu percorrido como unha gota de auga, non varía co vento. Simplemente aparecemos como a pinga na miña ventá para ir acabar a calquera outro lugar, pero non dispoñemos dun método científico que oriente o noso camiño, nin o poder dunha man que poida variar o noso rumbo unha vez escollido, coma quen tenta parar as pingas correndo pola fiestra. Non dispoño dun detector que me oriente, que me inspire e que me diga: Helena, isto servirache no teu futuro. Todo terá que ver co vector velocidade e as derivadas, aínda que agora só vexas frechas, aínda que non entendas NADA! Todo nun mundo que se vai facendo grande pouco a pouco, e eu, cada vez máis pequena, máis pequena... 
Parou de chover. Xa non hai pingas na ventá, pero tampouco camiño que me oriente. Ou quizais simplemente non as vexo.
 -Helena, son horas de cear.
 -Vou...

3 comentarios:

  1. HELENA!!!! Cada vez máis pequena.... máis pequena.... NON!!!!!! Ti cada vez es máis GRANDE. Con estas letras fixéchesme chorar (aínda que as ganas de berrar tamén estaban). Quérote e estou moi orgullosa de ti!

    ResponderEliminar